martes, 21 de xaneiro de 2014

OBRA DE TEATRO "MAMASIÑA, QUE MEDO" I ACTO

MAMASIÑA QUE MEDO!!
I ACTO

CELIDONIA: Ai, ai, ai! Vaia trompada levei! Teño que reparar a vasoira, vai vella coma min. Ai, ai Vou ver onde caín, a ver se acertei co sitio. Eh, vostedes (Dirixíndose ao público) Estou en Xalundes, non sí? Si,isto é Xalundes. Ai, doeme o lombo! Vou sentar neste curruncho mentres agardo polas miñas comadres.
(Celidonia vai cara a un curruncho da escena e senta no chan. Aparecen cinco cegos cantando. Tras deles van chegando os paisanos)

CEGO 1: Miñas donas, meus señores,
aquí estamos cinco cegos.
Vimos contar unha historia
Ai mamasiña que medo!

CEGA 2: Con meigallos e pantasmas
neste arrepiante castelo
vive o xigante Xuvenco
Ai mamasiña que medo!

CEGA 3: Papou ao cura e ao alcalde
quere papar aos veciños,
escapade meus amigos
Ai, mamasiña que medo!

CEGO 4: Ten Xuvenco grandes dentes
e grandes ollos funestos
Ten voz de trono arrrepiante,
Ai mamasiña que medo!

CEGO 5: Cando chega a noite pecha,
sae o Xuvvenco famento,
papa ao primeiro que atopa
Ai mamasiña que medo!

CEGO 1: Logo de papar á xente
e co bandullo xa cheo
déitase cun ollo aberto
Ai mamasiña que medo!

CEGO 2: Espiando todo o día
este xigante noxento
quere paparnos a todos
Ai mamasiña que medo!

CEGO 3: E ídevos preparando
todos os deste colexio
está chegando Xuvenco
Ai mamasiña que medo!

CEGO 4: Quen se tope co xigante
pode facer testamento,
nós fuximos por se acaso
Ai mamasiña que medo!

CEGO 5: Nós xa nos imos correndo
que lle temos moito medo
veña, compañeiros, veña,
Ai mamasiña que medo!

CELIDONIA: Bah! Andrómenas! Paparruchas!. Quen vai crer semellante historia?

PAISANOS: Nóoooooooooos!

CELIDONIA: Pero que clase de xente vive aquí? Se ese conto non asusta nin aos meniños! Cantas burradas! Sodes todos uns cagainas! Sí, señor! Unha galiñas! Uns...uns...

RAPAZ 1: Alto aí! Un momentiño! Desculpe, pero non imos consentir que unha forasteira veña facernos burla.

MULLER 1: Iso! Que os aquí presentes, habitantes todos deste lugar, ben sabemos que o de Xuvenco non é un conto!

MOZA 1: Ai! Non digas o seu nome que me desmaio! (Fai xestos coma se se fose desmaiar)

MOZA 2: A min, cando oio o nome de Xuvenco...dame un picor...! (Ráscase)

RAPAZ 2: Calade, que se dicides o seu nome, espirro....(Espirra)

MULLER 2: Pois eu, é dicir o seu nome e choro os sete chorares!... (chora)

PAISANOS: Ai, ai, ai ai......(chorando..)

CELIDONIA: Alto! Que se tedes pensado pingar o moco moito tempo, eu marcho. Non soporto os melodramas!

MULLER 1: E... quen é vostede se non é moito preguntar?

CELIDONIA: Ah! Desculpen! Son Celidonia Colondra, bruxa profesional. De aí que non me impresionen as historias de ogros nin xigantes, por moi lambóns que sexan.

PAISANOS: Ohhhh! Unha bruxa!!

RAPAZ 1: E que veu facer aquí?

CELIDONIA: Pois, como sabedes, as bruxas facemos de cando en vez unha xuntanza, cando hai lúa chea. Sempre buscamos un lugar solitario, coma este. Pero polo que vexo, cheguei a primeira....De seguro que as outras pillaron atasco.

MULLER 3: Pois si que é curioso, porque aquí hai tempo que non chegan visitas. Nin os mosquitos veñen.

CELIDONIA: Moito mellor! A min aseguráronme na axencia de viaxes que aquí non había nin turistas nin mosquitos, porque nunha noite de bruxas non hai nada máis molesto que os mosquitos e os turistas facendo fotos.

MOZA 3. Acougue señora, que aquí turistas non hai.

MOZA 4: E como vai habelos? Chegaron e os moi tontos, ao ver o castelo dixeron: Ohhh, é precioso! E aló foron.

RAPAZ 1: Pobres turistas! O xigante papounos a todos!

CELIDONIA: Pero teredes que facer algo...Non hai un rei que vós defenda?

MULLER 2: Claro que tiñamos un rei, pero....vostede non se enterou do que lle pasou?

CELIDONIA: Non, que llle pasou?

MULLER 2: O xigante papouno tamén!!!

CELIDONIA: E o alcalde? E a presidenta da ANPA? E o director do colexio?

RAPAZ 2: Papounos a todos!!

MULLER 3. Ai... calquera día pápanos a nós tamén!!
(De súpeto soa unha campá e todos calan)

CELIDONIA: E que pasa agora? Tédeslle medo tamén ao cura ouh?

MOZA 3: Non...ao cura papouno hai tempo. Esa campá puxémola nós na porta do castelo para saber cando sae..

MOZA 4: E máis lle vale correr, por que lle aseguro que ao xigante tanto llle ten un menú coma outro. Todo lle sabe!

MULLER 1: Que facedes aí parados? Correde!!

CELIDONIA: Eu non dou moito creto a esta historia, pero por se acaso...arre vosoiriña, imos voando!. (A vasoira non voa) Oehh! Dixen arre vasoira! (Pausa, non se move) Ai, xusto agora que vén o xigante!

(De súpeto, aparece un morcego enorme. Os dous berran co susto)

MORCEGO: Que fas desgraciada? Non tes medo do xigante?

CELIDONIA: Mamasiña! Do xigante non sei, pero ti....ti es enorme...!!

MORCEGO: Pois o xigante Xuvenco é descomunal! Pero hoxe tiveche sorte porque se atopa moi enfermo e non pensa deixar a cama. Mandoume a min para que viñese buscar un médico.

CELIDONIA: Ai, meu pobre! E de que mal padece?

MORCEGO: Non cho vou dicir, que logo todo se sabe e perdéselle o respecto. Veña! É urxente localizar un médico!

CELIDONIA: Un médico! Hai algún médico na sala?

RAPAZ 1: ( Dende o patio de butacas) Que vai haber! Papouno!

MORCEGO: (Preocupado)Pois vou aviado. Que vou facer? O xigante está moi maliño...
( Pensa, bótalle unha ollada a Celidonia) E vostede...non é por molestar, pero con esa pinta.... Non será vostede unha bruxa?

CELIDONIA: Si, señor, son. Pero se pensa que podo axudalo, está equivocado. Son vella e estou desmemoriada. Xa non me lembro de receitas máxicas. Pero mire, por aí veñen as miñas comadres, seguro que elas han de poder axudarlle.

( Entran as outras dúas bruxas. Chincha, bruxa tradicional e chincheta, noviña e moi moderna)

CHINCHA: Celidonia! A miña comadre! A veterana de todas as meigas chuchonas!(Dalle unha aperta)
CELIDONIA: Chincha! Canto tempo! Pero...esta é a pequena Chincheta, a miña afillada?

CHINCHA: A mesma. Esta é a súa primeira noite de bruxas.. Está tan ilusionada! Quere aprender o oficio!

CELIDONIA: E por que leva esa pinta?

CHINCHA: A xuventude, xa sabes...Ademais está a facer unha carreira nunha universidade extranxeira.

CHINCHETA: Os meus estudos céntranse nas novas tecnoloxías.

CHINCHA: Dígoche eu, comadre, que as bruxas coma nós temos xa pouco futuro...

CELIDONIA: E menos que imos ter se seguimos aquí. Aló enriba vive un xigante que din que come ao mundo enteiro. Eu teño a vasoira estropeada, así que temos que ir na túa. Ala, arrinca, ímonos.

CHINCHA: Non pode ser, Celidonia, non teño vasoira.

CELIDONIA: E a túa vasoira, Chincheta?

CHINCHETA: Ai madriña, eu non teño carnet da conducir!

MORCEGO: Eh, non marchen! Teñen que axudarme. Agora mesmiño veñen comigo ao castelo e preparanlle un bebedizo máxico ao meu señor.

CELIDONIA: Aló enriba? Nin de broma!

CHINCHA: Pois a min pícame a curiosidade...

CHINCHETA: (Soñadora) Se cadra é un príncipe...

CELIDONIA: Ai, nena, que parvadas se che ocorren!

CHINCHA: (A Celidonia) Deixa, son cousas da idade. Veña, imos arraxar a túa vasoira.

CELIDONIA: (Berrando cara ao público) Mecánicoooo! Hai algún mecánico na sala?
(Entran dúas mecánicas, con cadansúa caixa de ferramentas)

MECÁNICA 1: Imos ver...(inspeccionan a vasoira) motor estragado..., tren de aterraxe escachado...ui...esto está moi mal...

MECÁNICA 2: E as buxías...fíxate como as ten...Penso que é mellor levala ao taller.

MECÁNICA 1: Si...(dirixíndose a Celidonia) e hoxe non lla vamos poder amañar. Temos moito traballo.

MECÁNICA 2: Mira, mira (berra, dirixíndose á outra mecánica) Isto si que é grave! Ten piollos!

(As dúas miran a vasoira, asombradas)

MECÁNICA 1: Piollos? Ti estás segura? Ai, si, xa os vexo! Piollos!

CELIDONIA: Ah...eso é normal! Hai quen ten un gato ou un can, pois eu teño piollos de toda a vida!

MECÁNICA 2: Pois o caso é que así non lla podemos amañar.

MECÁNICA 1: Non podemos, os piollos roeron o motor. Ten que mercar outra vasoira. Agora mesmo o goberno está dando axudas para cambiar de vehículo. Así que pode aproveitar, se quere. (Estende a man) Son douscentos euros.

MECÁNICA 2: (Estende a man) Iso, 100 para cada unha.

CHINCHA: (Aplaudindo) Xa sei! Se poñemos a todos os piollos de acordo para dar un chimpo a un tempo, poderemos subir ata o castelo.

CELIDONIA: Boa idea, Chincha. (Soben as tres na vasoira)

CHINCHA: Piolliños todos! Unha...dúas...tres!

CHINCHETA: Celidonia, mete a segunda!!
(Ruído de motor. Berros de ledicia das bruxas)

MECÁNICA 1 e MECÁNICA 2: Eh...!! E quen nos paga a nós o desprazamento?


































MÁIS DE MIGALLAS!!


Como sei que vos gusta MIGALLAS, aquí tedes máis vídeos!!!