xoves, 27 de febreiro de 2014

MÁIS FOTOS DA VIAXE A LUGO
Paseando pola muralla

domingo, 23 de febreiro de 2014

FOTOS, 4º NIVEL

Aí van unhas fotos de escenas nas aulas de 4º e das consecuencias do último temporal no cole.

xoves, 13 de febreiro de 2014

A SANTA COMPAÑA

Este curso, estamos a traballar o tema das lendas e aproveitamos tamén este motivo para o noso disfraz do Entroido.
  En 2º Ciclo, iremos disfrazados de Santa Compaña e aí tedes información sobre o seu significado. Agardo que vos sirva!!

A Santa Compaña

A SANTA COMPAÑA quizais sexa unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego. Coñécese tamén en Galicia con varios nomes  : Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo dos vivos. 
Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande parte dos autores ó se referiren a ela: "procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia".      
Esta procesión vai encabezada por un vivo portando unha cruz e un caldeiro de auga bendita seguido de tódalas ánimas con velas acesas, non sempre visibles, notándose a súa presencia polo cheiro a cera e o vento que levanta ó seu paso.     
A Santa Compaña
O portador da cruz non pode en ningún momento volve-la vista atrás nin renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña. 
Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro. 
Para se salvar desta obrigación a persoa que vexa pasa-la Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e meterse dentro del ou ben botarse boca abaixo. 

Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas. 
A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o  patrón da súa parroquia é santo ou santa. 

En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos.
Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas, onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade               
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Breviario Enciclopédico", Eladio Rodríguez Gónzalez.

venres, 7 de febreiro de 2014

DECORAMOS AULAS E PASILLOS CON MENSAXES DE PAZ







TRABALLO SOBRE LENDAS GALEGAS

Despois de ler as lendas, elixe unha e escribe, coas túas palabras, de que trata e fai un debuxo sobre ela.
Podes usar o papel que queiras: de caderno, un folio...

 Data máxima para entregar o traballo: venres, 15 de febreiro.

Lembra: coidado coas faltas de ortografía e vai lendo o que escribes!!

 Le estas lendas galegas, máis dunha vez:

As lavandeiras do río Sil

Quiroga (Lugo) / Ribeira Sacra (Ourense)

Hai unha lenda que fala das profundas e misteriosas augas do río Sil, na Ribeira Sacra, provincia de Ourense,  como un lugar de intrigantes covas e pasadizos, amores imposibles e seres mitolóxicos que moran as súas profundidades.
Conta a lenda que a filla dun poderoso nobre de Quiroga gustaba de percorre-los montes dos arredores vestida con roupas vulgares, co obxecto de pasar inadvertida entre as xentes humildes.
Río SilNunha tarde de outono atopou nun dos seus paseos un cazador mozo e lanzal, que viña de cazar un corzo coa súa baésta. A doncela, cuxa fermosura era, segundo se conta a "dunha fada", deuse a coñecer como pertencente ó castelo de Quiroga, mentres que o mancebo fíxoo como vasalo do señor de Osorio, de Castro Caldelas. Así e todo, a beleza de ámbolos dous mozos fixo que se namoraran nese mesmo instante o un do outro, acordando manter novos e apaixonados encontros.
Aqueles encontros tiñan lugar nas beiras do Sil e ó facérense frecuentes chegaron a coñecemento do poderoso pai da rapaza. Don Pedro de Quiroga, que así era como se chamaba este nobre, consideraba ós de Castro Caldelas os seus adversarios e indignos de pretenderen a súa filla, po-lo que lle prohibiu a esta que volvera a ver o mozo cazador.
Así e todo, os namorados atoparon axiña o xeito se veren, pois había un pasadizo que comunicaba o castelo de Quiroga cun túnel que pasaba por baixo do Sil e ía ata o castelo de Castro Caldelas. Sen embargo, o pai da doncela decatouse axiña do que acontecía e considerándoo unha ultraxe decidiu impor un castigo a ámbolos dous mozos.
Así pois, unha vez que os amantes penetraran dentro do pasadizo para correr un ós brazos do outro, o pai da doncela mandou ós seus homes pechar ámbalas dúas entradas do túnel cun gran número de rochas para que estas dificilmente puidesen ser outra vez abertas.
Deste xeito, ficaron, baixo das augas do Sil, os novos amantes para sempre...
Deles tamén conta a lenda que foron os proxenitores das lavandeiras, eses seres mitolóxicos que a crenza sitúa nas augas profundas deste río, e das que se cre lavan e pulen as pepitas de ouro que o Sil deposita no seu leito.

A DONIÑA CERVA

No castelo de Doiras moraba un cabaleiro de nome Froiaz, con dous fillos: Egas e Aldara. O fillo doutro señor dun castelo veciño namorouse de Aldara. O seu amor foi correspondido e, parecéndolle ben ós seus pais, o casamento anunciouse. Un serán Aldara desapareceu do castelo. Pai e irmán, criados e escudeiros, mesmo o seu namorado acompañado das súas xentes, foron na súa busca por montes e bosques, por pallozas e casaríos... despois dalgúns días de buscas infructuosas, deron por definitiva a perda de Aldara, maxinando que sería morta por algún xabarín, algún urso ou devorada po-los lobos...
Un día Egas, estando de cazaría, albiscou unha fermosa cerva branca. Dun disparo único e certeiro rematou coa vida do animal, pero non se decatara de que era imposible levala ata o castelo polo seu peso excesivo (ou, se cadra, porque a neve dificultaba o transporte), así que cortou a pata dianteira da cerva (para sinalar que o animal lle pertencía, ou para poder mostrar un trofeo que dera conta da súa fazaña).
E cando foi amosarlle o seu pai a pata da cerva , contándolle o seu éxito atinxindo, arrepiados, viron como, no seu lugar o que Egas sacou da bolsa foi unha man; unha man fina, branca, suave; unha man de doncela fidalga. E nun dos dedos daquela man relucía un fermoso anel de ouro cunha pedra roiba. Pai e fillo lembraron que aquel era o anel da malfadada Aldara...

Con ánimo dorido correron monte arriba, para o lugar onde Egas dera morte á cerva. Alí atoparon, tendido no chan, o cadáver de Aldara, á quen lle faltaba unha man...
Segundo o que di a lenda algún mouro debeu encanta-la en figura de cerva, e a morte encargouse de volve-la ó seu estado natural de doncela. Máis endexamais puido saberse a razón.

LENDA DA MARUXAINA


Unha delas conta que diante do cabo de San Cibrán, no concello de Cervo, hai uns illotes chamados “Os Farallóns”. Mariña de LugoDise que alí vive unha serea chamada “A Maruxaina”. Nos días de mal tempo, a Maruxaina sae dos illotes e chama os mariñeiros. Hai quen cre que sae para axudar ós mariñeiros en caso de perigo, pero tamén hai quen di ca súa intención é engaiolalos para que naufraguen.

Este pobo de San Cibrán recuperou hai algúns anos unha vella tradición. Confeccionan unha serea de longos cabelos louros cunha roca. O segundo sábado do mes de agosto, pola noite, lévase esta serea dende Os Farallóns ata a praia de San Cibrán. Alí é sometida a un xuízo popular, no que queda absolta. Ó rematar, volve ás illas, nas que permanece o resto do ano.

Existe tamén outra lenda moi coñecida. Forma parte do conxunto das tradicións populares celtas comúns entre Bretaña, Cornualles, Gales, Galicia e Irlanda... Conta a orixe do nobre liñaxe bretoñés dos Mariños....

LENDA DOS MARIÑOS


Conta a lenda, que hai moito tempo, existía un nobre quen vivía nestas terras britonienses. O seu nome era Froilán, e era moi querido e apreciado polos seus vasallos, pola súa sabedoría e pola súa xustiza.

Froilán gustaba moito da caza, pasear no seu cabalo nas súas terras, e falar moito coa súa xente, mentres facía eses percorridos.

Nun deses tantos días, nos que estaba a facer o seu paseo diario, viu dende un acantilado unha muller deitada na praia. Preso dunha grande curiosidade, achegouse a modiño ata ela. Quedou moi abraiado e perplexo, ó darse conta Mariñade ca muller durmida sobre na area tiña corpo de peixe. Era unha serea.

Cando ela espertou e viu que Froilán estaba mirándoa, quixo escaparse, mais foi imposible. El montouna ó seu cabalo e levouna ó castelo. Cando tódolos seus servos a viron quedaron admirados pola extraordinaria fermosura da muller-peixe. Chamárona Mariña, por proceder do mar.

Froilán e Mariña namoráronse rapidamente. Eles pasaban todo o día xuntos, montando á cabalo e percorrendo tódalas terras do nobre.

A pesar de que Froilán, intentou que ela aprendese a falar, Mariña, quizais pola súa condición de serea, non podía pronunciar palabra ningunha. Cando o intentaba, só podía emitir uns ruídos moi difíciles de comprender.

Tal era o cariño dos namorados, que decidiron casar e ó pouco tempo, coma resultado dese amor , tiveron o seu primeiro fillo.

O tempo pasaba e Mariña, seguía sen poder falar. Isto provocáballe unha gran mágoa e dor... Sentíase moi triste por non poder expresa-lo seu profundo amor e felicidade a Froilán e ó seu filliño.

Na máxica noite de San Xoán, e estando nunha marabillosa festa, ó son das cancións, comendo, e bailando en fronte das fogueiras, Froilán, quen sabía o profundo medo que Mariña sentía cara ás faíscas, arrebatoulle o seu pequeno fillo dos seus brazos e saíu correndo co neno cara á fogueira, dando a impresión de que ámbolos dous, quizais por mor dun meigallo o feitizo, entrarían nas chamas...

Mariña, presa dun horror enorme, e por medo a perder ós dous seres que máis amaba no mundo, berrou desesperadamente:

- "Froilán!!.. Fillo!!.."

Dese xeito, e gracias ó susto, Mariña puido pronuncia-las primeiras palabras da súa vida... e pouco a pouco aprendeu a falar... Houbo unha grande celebración e festa no castelo, e a maior ledicia e felicidade na vida do nobre Froilán, que viviu feliz con Mariña polo resto da súa vida...

Anos despois, dous dos descendentes desta parella, Froilán e Mariña, acadaron gran fama e sona no Reino de Galicia.. Eran Os Mariños, que dedicados á poesía e á música , foron os compositores dunha das máis fermosas composicións líricas dos cancioneiros galegos medievais.

Este nobre liñaxe do reino, tiña o seu escudo de prata, cunha representación dunha serea e tres ondas azuis.

Tamén varios integrantes desta familia, participarían nas guerras contra os árabes, asentáronse nos novos territorios do sur e contribuíron á riqueza do que sería o futuro Reino de Portugal.